Mostrando entradas con la etiqueta Outono. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Outono. Mostrar todas las entradas

miércoles, 3 de diciembre de 2008

NEVARADA

Aquí tamén nevou o sábado, anque como chovera antes, a neve durou pouco, a non ser na cima do monte Penamá, onde aínda onte locía o manto blanco...

Dicen que "tempo de neve, tempo alegre". O malo é cando se vive na montaña e ás inclemencias do temporal hai que engadirlle outras que acostuman acompañalo. Lémbrome especialmente desa xentiña que botou días sen fluído eléctrico, con todo o que eso significa para o confort e comodidade. Aquí por fortuna xa case non acordamos tal cousa e temos que facer un pequeno esforzo para imaxinarnos uns días sen calefacción, sen tele, sen auga quente, sen afeitadoras...

Este inverno parece vir en plan "guerreiro". Aí tendes as xeadas de onte, e a que se armou na AP-9. A concesionaria parece que se lava as mans. Non se esquecen de cobrar as peaxes, non; o demáis non lles preocupa, i eso que llela deixaron por 40 anos máis. ¿Terá a Administración que seguir invirtindo na autopista para que os cucos de turno sigan tirando proveito...? Que a Administración deixe de facer o primo e invirta na futura autovia.

martes, 2 de diciembre de 2008

Sigue PRESENTACION

Antes de seguir con esta leria, quero facer un inciso para dicirvos que nos veráns tiña uns rapaces do pobo para repasar algo do que aprenderan durante o curso; tamén exercía de corresponsal de "La Región"... En razón a esto e ás miñas circunstancias, aconselláranme facer Graduado Social.


No 1984 fixen o exame de acceso á Universidade, como xa dixen, e nese mesmo ano matriculeime por libre para facer Graduado Social. Eran tres cursos de seis asignaturas cada un; mentres durasen os exames tería que parar en Santiago. E precisaría buscar aloxamento e quen me atendese...


Prantexeillo a "Auxilia", que me buscou aloxamento na Residencia do Burgo das Nacións, e acompañante. O 10 de xuño de 1985, cando iba marchar para Santiago, finou de repente o meu pai a causa dun infarto. Aínda que moi apenado, decidín continuar cos estudios e fun en setembro ós exames; o 15 de xuño de 1989 levoume o meu cuñado Antonio a Santiago para un exame que me quedara, e con nós foi a miña nai deica Ourense para unha revisión co seu oculista. A volta enterámonos de que a atropelara de morte un coche na rúa Progreso...


Si tiven disgusto cando faleceu meu pai, esta nova deixoume totalmente fundido na desesperación, pois estaba moi unido á miña nai, coa que vivira sempre agás dous anos que estivera internado no "Hogar-Clínica San Rafael" que tiñan os Irmáns de S. Juan de Dios en Vigo. O tempo, que todo o cura, e miñas irmás e cuñados que non poden portarse mellor comigo fan que a miña vida transcurra sen máis inquedanzas nin problemas ca os "normais".

viernes, 7 de noviembre de 2008

Obama

O martes, 4, a población norteamericana ao elexir a Barack Obama deu un firme paso a favor da paz mundial e de reducir as enfermidades e a pobreza extrema no mundo. Estas e outras promesas (reducir de forma apreciable as emisións de gases de efecto invernadeiro, apoiar o desenrolo de enerxías renovables, retirar as tropas de Irak, etc., etc.) figuraban no programa da sua campaña electoral.


Agora só nos queda agardar que sexa capaz de sortear os atrancos que de seguro vai atopar no seu intento de cumplir as suas promesas electorais, e rezar para que non apareza algún(s) "iluminado(s)" que remate(n) coa sua vida e coas ilusións de tanta xente que depositou nel a sua esperanza. Coma moitos outros en todo o mundo, e a pesar dunha certa desconfianza cara os que se presentan coma "redentores", eu tamén confío que o seu mandato marque o inicio dunha nova etapa para os EE.UU. e para o mundo. Unha etapa de paz, de xustiza, de detención do cambio climático (os EE.UU. non cumplía o Protocolo de Kioto), eliminación de armas nucleares, etc. Que vosoutros e eu o vexamos.

miércoles, 10 de septiembre de 2008

PRESENTACION


Coido que antes de nada terei que presentarme: Chámome Camilo Conde Cid, nacín fai 64 anos en Vilar de Flores, a 3 km de Allariz (Ourense), e cando tiña 9 anos pegou comigo a Artrite Reumatoide; parecía unha broma pero deixoume as articulacións desfeitas: ríxidas e deformadas. Agora estou pulsando as técolas cun boli…

Aínda así, e anque teño momentos baixos, sempre procurei ver a botella medio chea…

Sempre me gustou ler, aparte de que non tiña outra cousa en que pasar o tempo, así que os veciños que tiñan algún libro, prestábanmo, i eu lía todo, dende vidas de santos ó “Decamerón”. As veces estudiaba algo nunha enciclopedia, pero logo me cansaba. Un día foime ver unha mestra de Allariz, faloume do Bacharelato radiofónico, e levoume revistas cos textos das leccións; empecei a seguilo, logo suscribinme e seguía os cursos, ata que un día comunicáronme que ó non matricularme e acudir ós exames, non me podían mandar os textos das leccións.

Un dia, xa na década dos 80, prantexeime estudiar “en serio”. Comuniqueillo a “Auxilia”, mandáronme os textos das distintas asignaturas, e fun ós exames de primaria para maiores de 16 anos. Na obligada entrevista animáronme a facer o exame de acceso á universidade para maiores de 25 anos, matriculeime na UNED, fixen o curso correspondente, e alá fun a Pontevedra ós exames con Xosé Lois, “O Bancario”, e con César Cuña de monitor…

(Seguirá…)